Compartir:

Ruta de Santa Mariña

Na nosa aldea definimos unha pequena ruta que nos permite rememorar os percorridos dos habitantes desta casa. Sae polo portal de Casa de Trillo, cara á esquerda e percorre o Camiño do Picho. Pasa pola fonte, que conta cun pequeno merendeiro, e a Capela. Vira cara á esquerda e penétrase no bosque, que empeza con eucaliptos pero termina nunha fermosa carballeira pola que transcorre o regacho do que recollía as súas augas o muíño, hoxe abandonado. Desde aí pódese entrar na propiedade da familia dedicada a castiñeiro, piñeiro e pasto. Despois de percorrer esta leira, volvemos ao camiño e seguimos na dirección que nos indican as frechas. Pronto chegamos ao lavadoiro e volvemos entrar na aldea polo oeste. Algúns historiadores sosteñen que Santa Mariña foi un poboado castrexo e este percorrido permítenos comprobar que ten moita similitude con esas fortificacións.

Rutas do Románico

Un dos percorridos é o que une as igrexas de Santa María de Morquintián, San Cristovo de Nemiña e Santa Leocadia de Frixe. O outro traxecto abarcaría as igrexas de San Xiao de Moraime, San Martiño de Ozón e San Pedro de Leis, discorrendo polo tramo do Camiño de Santiago ata San Martiño, e despois por estradas interiores ata o lugar de Leis.

Ruta do Cabo Touriñán

Desde a Praia de Nemiña parte unha ruta que conduce ata o Cabo Touriñán, que é o punto máis occidental da España Peninsular. Polos arredores do Cabo atópanse os sendeiros dos pescadores, que permiten achegarse á bravura do Atlántico, gozar de fermosas postas de sol e comprender o significado das palabras "Costa da Morte".

Camiño de Santiago

Recollemos aos peregrinos no Camiño ou en Muxía. A Prolongación Xacobea chega a estas terras, lugar ao que se achegaban os peregrinos medievais para coñecer o Fin do Mundo. A senda parte da Praza do Obradoiro, baixa pola Carballeira de San Lourenzo e atravesa os municipios de Ames, Negreira e Mazaricos. En Dumbría, concretamente no lugar de Hospital, bifúrcase cara a Fisterra e cara a Muxía. Os dous pobos únense á beira do Atlántico nun camiño bidireccional (unha etapa) que pasa polo Cabo de Fisterra, Duio, a praia de Rostro, Lires, Baosilveiro, Guisamonde, Morquintián, Monte Facho de Lourido, Xurarantes e o Santuario da Virxe da Barca en Muxía. Desde Hospital chégase a Muxía atravesando Dumbría, Trasufre, Senande, A Grixa de Villastose, Quintáns, San Martiño de Ozón, Moraime, San Roque, Chorente e a praia da Cruz. Máis información na web da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.

En toda a zona hai outras rutas das que poden gozar as persoas aloxadas en casa de Trillo: Cabo Vilán-Cemiterio dos Ingleses, Mórdomo-Camelle e Monte Pindo, son algunhas das que recomendamos.